“Contos por teléfono”

O xoves día 7 de outubro os nenos e nenas de 6º de primaria realizaron unha saída á Casa da Cultura para participar nunha actividade relacionada con Xela Arias e a súa faceta de tradutora. No evento participaron diferentes personalidades do Concello e a Presidenta do Consello Galego da Cultura. A actividade realizada por Charo Pita consistiu na narración dalgúns dos contos que Xela traduciu á lingua galega, concretamente a obra literaria “Contos por teléfono” de Giani Rodari. Esta magnífica obra relata as historias que o protagonista, o Sr. Bianchi de Varese, relataba á súa filla cada noite ás nove en punto cando se atopaba de viaxe por mor do seu oficio. Puidemos escoitalos e mesmo interaccionar coa narradora Charo Pita, que nos deleitou e mergullou coa súa voz e posta en escena en cada unha das historias. Os nenos e nenas desfrutaron moito coa actividade e tamén polo feito de poder realizar unha saída neste tempo, aínda complicado. Queremos tamén dar as grazas ao Concello pola súa invitación a este evento.